Lacón asado con mollo

Como evitar que o lacón quede seco e conseguir un mollo para lamber a fonte. Toma nota!


Ingredientes:⁠

🔸 1 lacón
🔸 8 dentes de allo
🔸 1 culleriña de perexil
🔸 1 culleriña de romeu
🔸 1 culleriña de tomiño
🔸 ½ culleriña de pementa
🔸 5 culleradas de AOVE
🔸 1 cullerada de ourego
🔸 ½ culleriña de loureiro moído
🔸 2 culleradas de pemento doce
🔸 Sal


Preparación:⁠

1. O primeiro paso é adobarmos o lacón e deixalo toda a noite co adobo.
2. Para facermos o aderezo, machucamos os dentes de allo, o perexil e o sal nun monteiro. A seguir, agregamos o romeu, o tomiño, a pementa, o ourego, o loureiro, o pemento doce e o aceite, e untamos o lacón.
3. Pola mañá enfornamos o lacón durante 3-4 horas (todo dependerá do peso). Para que non fique seco, cómpre que o forno estea ben quente cando o metamos (250ºC). Desta forma selarase con máis rapidez por fóra e non perderá líquidos. Despois de media hora, baixamos a temperatura a 180ºC e deixamos que se ase. Cada certo tempo, hai que comprobar que non se seca. Para iso, regámolo co mollo que vai soltando. No caso de que se quede sen líquido, botámoslle auga fervendo na bandexa, para que así non se produzan cambios de temperatura e despois regamos outra vez o lacón.
4. Para sabermos se a carne está feita, pinchámola no centro e se non solta sangue, quere dicir que está no seu punto. Servimos o lacón nunha bandexa e acompañámolo co mollo nunha salseira. Bo proveito! 😉

🍊 Se fas esta receita, non esquezas etiquetarnos e partillala co cancelo #medialaranxa !!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario