A empanada é un dos nosos pratos máis tradicionais e dos máis versátiles, xa que se pode facer do que se queira. Nesta ocasión, fíxena de bonito porque é da que máis gosto, mais a masa que vos deixo a seguir vale para o recheo que queirades. Por certo, a empanada da foto é pequena porque era para tres persoas e usei a metade dos ingredientes.
Ingredientes:
🔸 500 g de fariña
🔸 150 ml de leite
🔸 150 ml de AOVE
🔸 1 cullerada de sal
🔸 1 ovo
Recheo:
🔸 2 ovos
🔸 300 g de bonito
🔸 1 cebola grande
🔸 1 pemento vermello
Preparación:
1. Para facermos a masa da empanada, mesturamos todos dos ingredientes até obtermos unha masa compacta como a do pan e deixamos repousar unha media hora.
2. Mentres agardamos, facemos o recheo. Para iso, rustrimos a cebola nunha tixola xunto co pemento. Cando estea listo, engadimos o bonito e os ovos previamente cocidos e picadiños.
3. Dividimos a masa en dúas partes (lembra que a capa de abaixo ten de ser un pouco máis grande) e con axuda dun rolete, estiramos a masa e dámoslle a forma que queiramos, ben redonda, ben rectangular.
4. Recheamos a nosa empanada, colocamos a capa de riba e unimos os extremos enrolando a masa para que non se despegue coa calor. Coa masa que nos sobrou dos bordes, podemos facer unhas tiras para decorala e antes de metela no forno pasámoslle un ovo batido cun pincel para que ao saír fique brillante.
5. Prequentamos o forno a 200ºC durante 15-20 minutos e metemos a nosa empanada durante 45 minutos (ou un pouquiño máis en función do forno).
6. Bo proveito! 😉
🍊 Se fas esta receita, non esquezas etiquetarnos e partillala co cancelo #medialaranxa!!
Ola!! Moi interesante o teu blog e de gran axuda cando non sei que facer de comida.
A receita da empanada non precisa lévado?
Saúdos
Ola! Neste caso, a masa non precisa fermeto nin lévedo porque non é masa tipo pan exactamente. Como temos que estirala moito para facer dúas capas ben finiñas, vainos quedar unha masa crocante. 🙂