Rolos de filloas con salmón

Para celebrarmos o 1º aniversario de Media Laranxa, organizamos un concurso de receitas e estes rolos de filloas elaborados por Belén Martín Franco gañaron un accésit. Parabéns á autora por este prato!

Ingredientes
• 8 liscos de salmón afumado.
• 2 cebolas tenras
• 1 aguacate
• 1 limón ou lima
• 1 iogur natural
• 24 follas de rúcula
• Sal, pementa negra.

Para as filloas:
• 100 gr. de fariña
• 1 ovo
• 300 grs. (vaso e medio) de leite.
• Sal, AOVE ou Manteiga.

Preparación

Botamos nun cunco a fariña, o ovo, o leite, sal e un chorriño de aceite. Remexemos ben. Despois deixamos repousar a mestura 30 minutos na neveira. Fundimos nunha tixola, unha pouca de manteiga e vertemos unhas culleradas da
pasta até cubrir o fondo. Douramos a filloa por ambos os dous lados e así facemos as demais. Deixámolas arrefriar. Pelamos o aguacate, cortamos a polpa en láminas non moi finas e regamos co zume do limón ou lima. A seguir lavamos as follas de rúcula, limpamos as cebolas e cortámolas ao longo. Énchese cada filloa cun lisco de salmón, dúas láminas de aguacate, dúas de cebola, tres follas de rúcula e unha cullerada do iogur mesturado co zume co que maceramos o aguacate. Engadimos sal e pementa. Enrolamos as filloas e pousámolas nunha fonte. Facemos igual coas outras. Servimos con leituga ou coa rúcula que nos sobrou.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario