Torta de queixo do Cebreiro con xelatina de marmelo

Para celebrarmos o 1º aniversario de Media Laranxa, organizamos un concurso de receitas e esta torta de queixo elaborada por María Dolores Vélez foi a gañadora do terceiro premio. Parabéns á autora por esta larpeirada!

Ingredientes para a torta:
• 6 ovos (clara separadas das xemas)
• 50 g de manteiga fundida
• 50 g de maizena
• 500 g de queixo do Cebreiro
• 300 g de crema de leite
• 80 g de fariña triga
• Reladura dun limón
• 250 g de azucre
• 2 culleradas de leite

Ingredientes para a cobertura:
• 200g de doce de marmelo
• 300cl de auga
• 4g de agar agar

Instrucións para a torta:
Mesturar as xemas, a manteiga, o leite e a metade do azucre e a reladura de limón e bater ata que dobren o volume. Reservar a temperatura ambiente. Batemos as claras a punto de neve e imos engadindo o azucre aos poucos. Montamos a crema de leite ata que estea firme e reservamos. Peneiramos a fariña coa maizena enriba das xemas, mexendo con coidado para que non baixen. Nun bol batemos o queixo ata que quede cremoso e sen grumos. Engadímolo ás xemas con coidado. Finalmente engadimos a crema e as claras con movementos envolventes.
Envorcamos a mestura nun molde redondo desmontable de 20cm de diámetro untado en manteiga e forrado con papel de forno. Metemos no forno prequentado con calor arriba e abaixo a 160º durante unha hora aproximadamente. Despois deste tempo, abrimos a porta do forno un pouco e deixamos que arrefeza lentamente. Deste xeito non baixará moito nin romperá. Unha vez completamente frío, meterémolo na neveira sen desmoldar durante polo menos 8 horas. Despois sacamos a torta do molde e retiramos o papel.

Cobertura de marmelo:
Poñemos o marmelo nun cazo coa auga e quentámolo mexendo, ata que se se desfaga o doce. Esluímos o agar agar nun pouco de auga fría e vertémolo na mestura de marmelo. Fervémolo dous minutos e apartámolo do lume. Cando empece a espesar, bótase enriba da torta. Pódese facer coa torta se sacar do molde se non se quere que caia polo lados.

Última instrución (e máis importante): gozala, mais, sobre todo, compartila.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario