Torta Larpeira

Para celebrarmos o 1º aniversario de Media Laranxa, organizamos un concurso de receitas e esta Torta Larpeira elaborada por María Belén Couto gañou o primeiro premio. Parabéns á autora por esta larpeirada!

Ingredientes para a masa:

  • 400 / 450 g de fariña
  • 2 ovos
  • 30 g de azucre
  • 140 g de leite
  • 50 g de lévedo fresco de panadaría
  • 70 g de manteiga
  • 50 g de licor de anís
  • Sal

Ingredientes para a crema pasteleira (opcional):

  • 250 ml de leite enteiro
  • 25 g de fariña de millo
  • 75 g de azucre
  • 1 xema de ovo
  • 1 pau de canela
  • ½  vaíña de vainilla

Ingredientes para o almibre:

  • 30 ml de auga
  • 30 ml de licor de anís
  • 30 g de azucre

PREPARACIÓN:

1º. Nun cunco grande poñemos a fariña e facemos un buraco nela, onde imos engadindo o resto dos ingredientes para a masa. Aconséllase desfacer o lévedo fresco nun pouco de leite temperado.

2º. Amasamos coas mans, dándolle forma de bóla, até conseguir unha masa elástica e que se despegue das mans.

3º. Deixamos levedar a masa, 2 horas aproximadamente, tapada con filme transparente. É preferible un sitio temperado.

4º. Se optamos por botarlle crema pasteleira, este pode ser un bo momento para preparala. Por un lado, separamos 50 ml (aprox.) de leite nunha cunca, onde diluímos a fariña de millo. Por outro lado, noutra cunca, batemos a xema co azucre. Deseguido, nun cazo quentamos o resto de leite co pau de canela e a vainilla. Cando comece a ferver, baixamos o lume de todo e botamos a mestura da xema de ovo e azucre, remexendo sen parar. Por último, incorporamos a mestura do leite coa fariña de millo e seguimos remexendo até formar unha crema sen grumos.

5º. Cando a masa medre o dobre, amasámola de novo un pouco e poñémola sobre unha prata, forrada con papel de forno. Aquí estirámola coas mans, dándolle forma esmagada e redondeada (3 cms de grosor aprox.).

6º. Con coitelo facémoslle uns cortes, formando cadrados, onde engadimos a crema pasteleira se queremos. Tamén se lle pode pór montonciños de azucre mollado en licor de anís. A continuación, pintamos con ovo batido.

7º. Metémola no forno durante 20 min, a 180º (orientativo). É importante pór no interior do forno un cunco con auga para que lle achegue humidade e a miga non quede seca. 8º. Mentres coce, preparamos o almibre. Poñemos nun cazo o azucre coa auga e remexemos a lume lento, durante 5 min, até que espese un pouco. A continuación, engadimos o licor de anís, esperamos un pouquiño máis e apagamos. 9º. Sacamos a larpeira do forno e estando aínda quente, emborrachámola co almibre.

Esperade a que arrefríe para papala, lambonciños!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario