Crocante de pera con xeado de cacahuetes

Son moi fan do “apple crumble” inglés e esta vez decidín cambiar a mazá pola pera e este foi o resultado. Xa vos adianto que está ben bon! 😉

Ingredientes para o crocante de pera:

🔸 500 g de peras
🔸 150 g de fariña de trigo
🔸 80 g de manteiga
🔸 50 g de azucre (ou o edulcorante que máis che guste)
🔸 1 cullerada de canela
🔸 1 laranxa
🔸 1 presada de noces

Ingredientes para o xeado:

🔸 4 plátanos
🔸 100 g de crema de cacahuete
🔸 1 presada de cacahuetes para darlle un toque crocante ao xeado (opcional)

Preparación:⁠

  1. Para facemos o crocante de perao primeiro paso é cortamos as peras en anacos pequenos. Cando as teñamos listas, poñémolas nun cunco e engadímoslle o zume de laranxa. Botámolas no recipiente que imos empregar para facermos o crocante e reservamos.
  2. Para facermos a masa que cubrirá as peras, mesturamos a fariña, co azucre, coa canela, coas noces esmiuzadas e a manteiga. Cómpre que a manteiga estea a temperatura ambiente para que nos sexa máis doado traballar a masa. Nesta ocasión non debemos usar batedor, senón que temos que mesturalo todo coas mans até obtermos unha masa homoxénea e cunha textura areosa, isto é, como se fosen migas de pan.
  3. Repartimos a masa sobre as peras creando unha capa fina e enfornamos a 180ºC uns 20-25 minutos ou até que a capa superior fique dourada.
  4. Para facermos o xeado de cacahuetes, temos que conxelar os plátanos en anacos pequenos. A seguir, trituramos os plátanos coa crema de cacahuete e os cacahuetes até conseguirmos a textura de xeado.
  5. Servimos o noso crocante de peras co xeado e listo. Bo proveito! 😉

🍊 Se fas esta receita, non esquezas etiquetarnos e partillala co cancelo #medialaranxa !!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *