Salsa de tomate

Neste vídeo ides aprender a facer salsa de tomate e envasala ao baleiro para que dure todo o ano. 🍅


E se queredesa versión escrita aquí tedes a receita!

Ingredientes (todo un pouco a ollo): ⁠

🔸 Tomates
🔸 Cebolas
🔸 Allo
🔸 Sal
🔸 Azucre
🔸 Pementos verdes (opcional)
🔸 Pementos vermellos (opcional)
🔸 Chile (opcional)

Preparación:⁠

1. Nunha pota, poñemos os tomates en anacos e deixamos que se fagan a lume baixo até se converteren en salsa. Non é necesario quitarlles a monda nin as pebidas. Diso encargarémonos despois.
2. A seguir, collemos o batedor para triturarmos os posíbeis anacos que quedaran sen desfacerse.
3. Se quixermos eliminar as pebidas e as mondas, pasamos a nosa salsa por un coadoiro chinés e conseguiremos unha salsa de tomate ao natural ou concentrado de tomate.
4. Para obtermos salsa de tomate frito, botamos un pouco de aceite nunha tixola e rustrimos unha cebola. Neste paso, eu tamén fago os pementos, xa que lle dan moi bo sabor ao mollo. Mais isto é opcional. No entanto,, para conseguirmos unha salsa picante, engadímoslle un chile ao rustrido.
5. Unha vez listo o rustrido que elixiramos, vertemos na tixola a nosa salsa de tomate e deixamos que reduza. Dependendo do espesor que vos guste, teredes que deixarlle máis ou menos tempo.
6. Por último, trituramos de novo, botámoslle un chisco de sal e unha cullerada de azucre, e mollo feito! 😉

Envasado ao baleiro:⁠

1. Collemos unha pota alta, cubrimos os botes con auga e poñémolos a ferver con cadansúa tapa durante 20 minutos para desinfectalos e así asegurámonos de que non quede no seu interior ningunha bacteria que poida danar a salsa. Se a tapa ten algunha mostra de óxido, non serve.
2. Unha vez teñamos os botes esterilizados, enchémolos coa salsa e cerrámolos ben.
3. Para facer o efecto baleiro, temos que poñer a ferver ao baño maría os botes durante outros 20 minutos. É importante que a auga cubra as tres cuartas partes do bote. Pasado ese tempo, deixamos que arrefríen na propia pota.
4. Non vos esquezades de pórlle unha etiqueta ao bote para coñecerdes a data do envasado.

🍊 Se fas esta receita, non esquezas partillala co cancelo #medialaranxa !!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *