Unha das sobremesas típicas do outono galego son as mazás asadas. Tradicionalmente, facíanse con azucre e augardente. En Cangas do Morrazo, chámanlle bochos e énchenas de viño branco. Na miña zona chamámoslle papanduxas e como na casa somos bastante larpeiros, modificamos un pouco a receita ao longo dos anos.
Para min falar de papanduxas e mazás asadas é lembrarme do meu padriño. É quen as fai máis ricas.
Déixovos a receita para que poidades gozar dela!
Ingredientes:
🔸 6 mazás
🔸 300 ml de leite
🔸 2 xemas
🔸 1 cullerada de maicena
🔸 2 culleradas de azucre
🔸 1 cullerada de esencia de vainilla
🔸 Canela ao gusto
Preparación:
- O primeiro paso metermos as mazás no forno. Para iso, collemos unha fonte de cristal e botámoslle un pouco aceite. Sacámoslle o corazón á mazá e esparexemos un pouco de canela no buraco. Podemos botarlle tamén azucre se as mazás son moi ácedas, mais ao levar crema, non o vexo necesario.
- Enfornamos a 180ºC uns 15-20 mintutos. O tempo depende a variedade da mazá e o madura que estea.
- Mentres agardamos a que as mazás se fagan, imos coa crema. Por unha bada, separamos 100 ml de leite e botámoslle unha cullerada de maicena. Por outra, nun cazo engadímoslle dúas culleradas de azucre aos ovos e batemos.
- A seguir, engadimos o leite coa maicena e remexemos. Prendemos o lume e incorporamos aos poucos o resto do leite coa esencia de vainilla e remexemos até que espese.
- Por último, enchemos o interior das mazás coa crema e somos xenerosas coa cantidade. Bo proveito!
🍊 Se fas esta receita, non esquezas etiquetarnos e partillala co cancelo #medialaranxa !!