Chulas de cabaza

Outubro é o mes das cabazas e non puidemos evitar a tentación de facermos unhas chulas.

De pequena a miña avoa facíamas moitas veces para merendar e poñíame ao carón un prato cunha cullerada de mel para que as untase nel. Creo que é un dos recordos máis fermosos que teño con ela. Eu sentada no escano detrás da cociña de leña falando das nosas cousas, mentres me facía chulas. Hai receitas que se gardan no corazón e esta é unha delas.

Ingredientes:⁠

🔸 250 g de cabaza cocida
🔸 2 ovos
🔸 150 g de fariña
🔸 1 cullerada de azucre
🔸 1 culleriña de canela
🔸 1 sobre de lévedo en po
🔸 1 chisco de sal


Preparación:⁠

  1. O primeiro paso é cocermos a cabaza uns 20 minutos até que estea brandiña. Cando máis pequenos sexan os anacos, menos tempo lle levará. Cando estiver cocida, escoámola e esmagamos os anacos de cabaza cun garfo até conseguirmos unha especie de puré ou triturámola até que non queden grumos.
  2. A seguir, batemos os ovos cun chisco de sal, o azucre e a canela. Despois, incorporamos a cabaza triturada e mesturamos. Por último, incorporamos a fariña co lévedo.
  3. Por último, cando teñamos o amoado feito, nunha tixola con abundante aceitemos imos facendo as nosas chulas. Cómpre que o lume non estea moi forte porque se torrarán moi rápido por fóra e ficarán crúas por dentro. Se o lume está moi baixo, enchouparanse de aceite. No punto medio está o exito.
  4. Ao sacalas, lembra pousalas sobre papel de cociña para que absorba o exceso de aceite. Bo proveito!

🍊 Se fas esta receita, non esquezas de etiquetarnos e de partillala co cancelo #medialaranxa.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *