Galletas de xenxibre saudábeis

Esta receita é moi especial para min porque me lembra á miña nenez. Foi a miña avoa quen me aprendeu a facer estas galletas que fan que o noso fogar arrecenda a Nadal. Ela sempre seguía a típica receita inglesa con manteiga, nata e dúas cuncas de azucre, mais hoxe convídovos a facer a súa versión saudábel que está igual de rica. Espero que vos guste tanto coma min. 🎄


Ingredientes⁠:

🔸 5 cuncas de fariña integral
🔸 ½ cunca de AOVE
🔸 3 ovos
🔸 ½ cunca de azucre
🔸 100 ml de leite
🔸 1 culleriña de xenxibre en po e outra de canela.
🔸 1 culleriña de bicarbonato
🔸 1 chisco de sal

Preparación:⁠

  1. Nun cunco botamos o aceite, o azucre, o leite e os ovos, e batemos todo ben.
  2. Noutro recipiente aparte, mesturamos os ingredientes secos, isto é, a fariña, a canela, o xenxibre, o sal e o bicarbonato, e pouco a pouco ímolos incorporando aos ingredientes restantes. Tennos que quedar unha masa non pegañenta, por iso cómpre termos máis fariña á man por se o precisamos.
  3. Unha vez que teñamos a masa coa textura perfecta, facemos figuriñas con axuda duns moldes. De non termos ningún na casa, podemos usar vasos ou cuncas de diferentes diámetros.
  4. Enfornamos as nosas galletas a 180ºC ou temperatura forte, como diría a miña avoa, durante 10-15 minutos (isto dependerá do grosor das galletas).
  5. Esperamos a que arrefríen e decorámolas. Bo proveito!

🍊 Se fas esta receita, non esquezas partillala co cancelo #medialaranxa !!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario