Tronco de Nadal

Esta sobremesa está ligada ao tizón de Nadal galego. Trátase dunha tradición de noso presente no rural. Era costume no día de Noiteboa, varrer a lareira até deixala ben limpa. Logo, prendíase un madeiro de carballo que ficaba aceso até Aninovo. Esta tradición, ligada a ritos pagáns, representa o lume novo que dá vida e boa sorte ao ano novo que está por comezar.


Ingredientes para o biscoito:

🔸 6 ovos
🔸 100 g de azucre
🔸 120 g de fariña
🔸 50 ml de aceite de oliva
🔸 1 culleriña de esencia de vainilla

Para o recheo:

🔸 350 ml de nata
🔸 250 g de chocolate
🔸 250 g de doce de leite

Para o almibre:

🔸 175 ml de auga
🔸 80 g de azucre

Para a decoración:

🔸 Chocolate negro
🔸 Turrón brando
🔸 Azucre glas

👉 Preparación:⁠

  1. O primeiro paso é batermos as claras a punto de neve cun chisco de sal e 50 g de azucre. Noutro cunco, batemos as xemas co azucre restante até branquearen. Nese momento, engadimos o aceite e integrámolo.
  2. A seguir, engadimos ás xemas a fariña peneirada e, a continuación, as claras con movementos envolventes.
  3. Vertemos a masa sobre unha bandexa de forno con papel vexetal e estendémola por toda a superficie e enfornamos durante 10-12 minutos a 180ºC.
  4. Cubrimos con azucre glas a superficie do biscoito para evitar que se pegue, enrolámolo cun pano e deixamos que arrefríe.
  5. Para facermos o almibre fervemos a auga co azucre uns 5 minutos.
  6. Para o recheo, poñemos a nata ao lume e cando ferva, retirámola e botamos o chocolate en anacos. Agardamos a que derreta e batemos.
  7. Despois, engadimos o doce de leite e batemos cun batedor eléctico até se integrar. Gardamos a crema na neveira unha hora. Pasado ese tempo, batemos de novo para darlle cremosidade.
  8. Despregamos o biscoito, pincelámolo co almibre, estendemos a crema e enrolamos o tronco con moito coidado.
  9. Por último, derretemos chocolate ao baño maría e cubrimos o tronco. Agardamos a que arrefríe e cunha xiringa de repostaría debuxamos liñas para simular a casca do tronco. Esparexemos azucre glas e turrón esmiuzado por riba e listo. Bo proveito!

🍊 Se fas esta receita, non esquezas etiquetarnos e partillala co cancelo #medialaranxa

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario