O mes pasado pasamos a ponte no Porto e descubrimos os bolinhos de alheira nun dos restaurantes da cidade. Cando rematamos de comer, o primeiro que fixen foi saber de que estaban feitos para preparar a receita na casa. ENCANTOUME! Así que pasamos polo do Pingo Doce e trouxemos a alheira, un embutido típico de Portugal que tedes que probar si ou si.
Ingredientes para 8 bolinhos:
🔸 1 alheira
🔸 ½ cebola
🔸 2 dentes de allo
🔸 1 presada de perexil fresco
🔸 1 ovo
🔸 Pan relado e fariña para empanar
🔸Sal
Preparación:
- O primeiro paso é cortarmos a cebola e o allo en anacos moi pequeniños.
- A seguir, rustrímolos nunha tixola cun pouco aceite e cando estean dourados retirámolos do lume. Mentres, podemos sacarlle a pel á alheira e esmiuzala.
- Nun cunco botamos a alheira e incorporamos a cebola e o allo xunco cun chisco de sal e a presada de perexil picado. Mesturamos todo coas mans e unha vez integrados todos os ingredientes, facemos bólas como se fose albóndegas.
- Unha vez feitas, pasámolas primeiro por fariña. A continuación, por ovo e, finalmente, por pan relado.
- Por último, fritimos os bolinhos de alheira en aceite e listo! Bo proveito!
🍊 Se fas esta receita, non esquezas etiquetarnos e partillala co cancelo #medialaranxa