Pementos de piquillo cheos de pescada con mollo


Ingredientes para 4 persoas:⁠

🔸 20 pementos de piquillo en conserva
🔸 300 g de pescada
🔸 2 culleradas de fariña
🔸 300 ml de leite
🔸 1 cebola
🔸 AOVE
🔸 1 dente de allo
🔸 200 ml caldo de pescado
🔸 100 ml viño branco
🔸 3 pementos del piquillo para o mollo
🔸 Sal e as especias que máis che gusten


Preparación:⁠

1. O primeiro paso é facermos a pescada. Para iso, douramos os toros nunha tixola a lume medio-alto e botámoslle sal e perexil fresco. Cando teñamos a pescada lista, agardamos a que arrefríe un pouco para esmiuzala, ben cun coitelo, ben cun procesador de alimentos.
2. Para facermos o recheo, picamos media cebola moi fina. Rustrímola e cando estea dourada, engadimos unha cullerada de fariña e deixamos que se torre un pouco. A seguir, engadimos o leite aos poucos sen parar de remexer para facermos unha salsa bechamel como a das croquetas. A min gústame botarlle noz moscada e pementa branca, mais é opcional.
3. Cando teñamos a salsa case lista, engadimos a pescada esmiuzada e deixamos que se remate de facer a salsa co espesor desexado.
4. Para facermos o mollo de pementos de piquillo, rustrimos a outra metade da cebola xunto co allo. Cando estean dourados, engadimos unha cullerada de fariña e deixamos que se torre un pouco. Incorporamos o viño e deixamos que se evapore o alcohol. A seguir, engadimos o caldo de peixe aos poucos sen deixar de remover. Engadimos o sal e retiramos do lume. Vertemos a salsa nun recipiente e trituramos todo até que quede un mollo sen bolborotos.
5. Por último, volvemos o mollo á cazola, enchemos os pementos coa bechamel de pescada e, con coidado, pousámolos sobre o mollo e deixamos que se fagan uns 5 minutos máis. Bo proveito! 😉

🍊 Se fas esta receita, non esquezas etiquetarnos e partillala co cancelo #medialaranxa !!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario